venres, 9 de maio de 2014

DESCRICIÓN DO PROGRAMA

O obxectivo central deste programa é fomentar o coñecemento da multifuncionalidade do monte. Hoxe en día aínda non está moi arraigada a percepción da importancia do monte e de todas as funcións que desempeña. O coñecemento da importancia destas funcións (económicas, sociais e medioambientais) polo alumnado é fundamental para fomentar o respecto polo monte.

Potenciar o coñecemento da xestión sostible do monte. A adecuada xestión do monte é moi importante co fin de compatibilizar a súas funcionalidades medioambientais, sociais e estéticas, cuxos beneficios intanxibles son aproveitados por toda a sociedade, cos lexítimos beneficios directos que lle corresponden aos seus titulares. 

Neste apartado afondarase nas distintas ferramentas que existen para a xestión sostible do monte. Explicarlle aos alumnos a certificación forestal como ferramenta para a xestión forestal sostible.

Divulgar a importancia dos montes veciñais en Galicia. Os montes veciñais en man común son unha forma de propiedade moi estendida en Galicia e cun gran potencial dende o punto de vista forestal e medioambiental. Neste epígrafe búscase afondar no coñecemento do funcionamento destas comunidades e na importancia que teñen no sector forestal galego.